Novas

Luns, Marzo 30, 2015

A sinistralidade laboral rexistrou en Galicia no mes de febreiro un total de 1.972 accidentes laborais

A sinistralidade laboral rexistrou en Galicia no mes de febreiro un total de 1.972 accidentes laborais

Santiago, 30 de marzo de 2015.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral notificados en Galicia en febreiro de 2015 aumentou un 5,51%. Neste mes rexistráronse 1.972 accidentes fronte aos 1.869 accidentes  no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 1.932 foron accidentes leves, 34 graves e 6 mortais.

Por sectores, descenderon os accidentes na pesca nun 4,12%, pero aumentaron nos demais sectores: nos servizos nun 2,66%; na construción nun 5,78%; na agricultura nun 11,39%; e na industria nun 12,07%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 3,78% en febreiro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, os aumentos foron: nos servizos do 0,46%, na construción do 0,95%, na pesca do 2,48%, na industria foi do 11,55% e na agricultura do 13,16%.

Evolución nos primeiros meses
A sinistralidade laboral aumentou un 2,59% nos dous primeiros meses do ano, cun total de 3.797 accidentes laborais fronte aos 3.701 no mesmo período do ano 2014.

Este aumento dos accidentes laborais non se produciu en todas as provincias, houbo aumentos: na Coruña nunha porcentaxe do 4,68% e Pontevedra nun 15,31%; diminuíron: en Lugo nun 2,55% e Ourense nun 12,68%.