Luns, Setembro 30, 2013
A sinistralidade laboral reduciuse nun 8,75% en Galicia ata agosto deste ano
Santiago, 30 de setembro de 2013.- A sinistralidade laboral diminuíu un 8,75% nos oito primeiros meses do ano en Galicia, cun total de 14.386 accidentes laborais fronte aos 15.766 no mesmo período do ano 2012.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 10,71% en Pontevedra, do 9,59% na Coruña, nun 4,75% en Ourense, e do 2,67% en Lugo.
En canto aos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en agosto de 2013, a cifra diminuíu un 9%. Neste mes rexistráronse 1.649 accidentes fronte aos 1.812 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.623 foron accidentes leves, 22 graves e 4 mortais.
Diminuíron os accidentes en tódolos sectores agás na agricultura: na construción nun 15,30%, nos servizos nun 9,78%, na industria nun 7,09% e na pesca nun 2,25%. Na agricultura aumentou nun 1,12%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, diminuíu un 10,26% en agosto deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, diminuíu nos servizos nun 13,95%, na construción nun 5,01% e na industria nun 3,58%; aumentou na pesca nun 2,52% e na agricultura nun 8,03%.