Novas

Luns, Novembro 29, 2010

A SINISTRALIDADE LABORAL REDUCÍUSE EN GALICIA UN 27,44% NO MES DE OUTUBRO

A sinistralidade laboral baixou en Galicia un 27,44% o pasado mes de outubro, período no que se produciron 2.843 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 3.918 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos rexistrados, 2.796 foron casos leves, 40 graves e 7 mortais.

O descenso foi xeralizado en todos os sectores, agás na agricultura, no que se mantivo o número de accidentes. Os datos máis positivos proceden da industria, cunha baixada do 35,38%; seguida da construción, cun descenso do 34,73%; dos servizos, cun 19,79% e da pesca, cunha diminución de sinistros do 19,30%.

Por provincias, en todas descende o número de sinistros laborais, nunha porcentaxe do 37,28% en Pontevedra; do 22,88 % en A Coruña, do 20,05% en Lugo e do 3,02% en Ourense.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario tomar en consideración o índice de incidencia, é dicir, a comparación entre os datos de accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas.

Con este criterio, o índice de incidencia da sinistralidade diminuíu en outubro un 25,66%, sendo o sector da industria o que presenta un comportamento máis favorable cunha redución do índice do 32,76%, seguido da construción, cunha diminución do 27,01%, dos servizos cun descenso do 19,67% e da pesca, cunha redución do 17,44%. Somentes na agricultura creceu o índice de incidencia da sinistralidade, nunha porcentaxe do 8,47%.

Diminución acumulada do 7,19% de xaneiro a outubro

Para dimensionar máis axeitadamente a interpretación destes datos, é necesario contextualizalos na sinistralidade acumulada ao longo do ano. Desde xeito, considerando os resultados do período correspondente de xaneiro a outubro de 2010, observase unha baixada en Galicia do 7,19%%, cun total de 30.981 accidentes, fronte aos 33.380 no mesmo período de 2009.