Novas

Luns, Marzo 28, 2011

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia un 10,03% no mes de febreiro

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia un 10,03% no mes de febreiro

Santiago, 28 de marzo de 2011.- A sinistralidade laboral baixou en Galicia un 10,03% o pasado mes de febreiro, período no que se produciron 2.791 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 3.102 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos rexistrados, 2.737 foron casos leves, 47 graves e 7 mortais.

O descenso foi xeralizado en todos os sectores. Os datos máis positivos proceden da agricultura, cunha baixada do 19,05%; seguida da construción, cun descenso do 12,64%; da industria, cun 9,78%; dos servizos cunha diminución de sinistros do 8,65% e da pesca cun descenso do 2,78%.

Por provincias, en todas descende o número de sinistros laborais, nunha porcentaxe do 15,67% en Pontevedra, do 14,94 % en Ourense, do 6,59 en A Coruña, e do 1,19% en Lugo.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario tomar en consideración o índice de incidencia, é dicir, a comparación entre os datos de accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas.

Con este criterio, o índice de incidencia da sinistralidade diminuíu en febreiro un 7,90%, sendo o sector da agricultura o que presenta un comportamento máis favorable cunha redución do índice do 14,48%; seguido dos servizos, cunha diminución do 8,35%; da industria, cun descenso do 6%; da construción, cunha baixada do 2,68% e da pesca, cunha lixeira reducción do 0,40%.

Diminución acumulada do 15,42% nos dous primeiros meses do ano.

Considerando os resultados acumulados no que vai de ano, no conxunto dos meses de xaneiro e febreiro obsérvase unha baixada da sinistralidade laboral en Galicia do 15,42%, cun total de 5.140 accidentes, fronte aos 6.077 no mesmo período de 2010.