Novas

Domingo, Xuño 26, 2011

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 8,04% o pasado mes de maio

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 8,04% o pasado mes de maio

Santiago, 26 de xuño de 2011.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en maio de 2011 descenderon un 8,04%, mes no que se produciron 2.781 accidentes fronte os 3.024 accidentes ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 2.739 foron accidentes leves, 42 graves e 5 mortais.

Por sectores, descenderon os accidentes na construción nun 25,24%, na industria nun 11,23% e nos servizos nun 0,57%. Pola contra, aumentaron na agricultura nun 5,41%, e na pesca, nun 23,81%.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias, nunha porcentaxe do 17,01% en Ourense; do 14,57% en Lugo; do 6,28% na Coruña; e do 5,95% en Pontevedra.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 6,17% en maio deste ano respecto ao do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na construción co 14,68%, mentres que na industria foi do 7,97%; na pesca, o aumento foi do 27,38%.

A sinistralidade laboral diminuíu un 16,92 por cento nos cinco primeiros meses deste ano, cun total de 13.092 accidentes laborais fronte aos 15.759 no mesmo período do ano 2010.