Novas

Luns, Novembro 28, 2011

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 6,57% no mes de outubro

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 6,57% no mes de outubro

• Os accidentes descenderon un 15,57% nos primeiros dez meses do ano en relación co mesmo período de 2010

• Os sinistros laborais baixaron o mes pasado en todos os sectores: na construción nun 19,5%, na agricultura nun 6,25%, na industria nun 5,47%, na pesca nun 4,21% e nos servizos nun 1,71%

O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en outubro do 2011 descenderon nun 6,57%. Neste mes rexistráronse 2.689 accidentes fronte aos 2.878 accidentes ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 2.638 foron accidentes leves, 45 graves e 6 mortais.

Por sectores, os sinistros laborais descenderon en todos eles: na construción nun 19,53%, na agricultura nun 6,25%, na industria nun 5,47%, na pesca nun 4,21% e nos servizos nun 1,71%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 3,47% en outubro deste ano respecto ao do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na construción co 4,24%, na pesca foi do 2,89%, na agricultura do 2,42%, nos servizos do 0,96% e na industria do 0,41%.

Diminución do 15,5% de xaneiro a outubro
A sinistralidade laboral diminuíu un 15,57% nos dez primeiros meses deste ano, cun total de 26.488 accidentes laborais fronte aos 31.371 do mesmo período do ano 2010.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse todas as provincias: nunha porcentaxe do 17,87% en Ourense, nun 16,71% en Pontevedra, do 14,53% na Coruña e do 13,55% en Lugo.