Luns, Marzo 24, 2014
A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 3,59% nos dous primeiros meses de 2014
Santiago, 24 de marzo de 2014.- A sinistralidade laboral diminuíu un 3,59% nos dous primeiros meses do ano, cun total de 3.702 accidentes laborais fronte aos 3.840 no mesmo período do ano 2013.
Este descenso dos accidentes laborais non se produciu en todas as provincias, aumentou: en Ourense nunha porcentaxe do 3,04% e na Coruña nun 2,97%; diminuíu: en Lugo nun 1,46% e en Pontevedra nun 14,81%.
Con respecto a só no mes de febreiro, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia aumentou un 1,52%. Neste mes rexistráronse 1.867 accidentes fronte aos 1.839 accidentes contabilizados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos sinistros, 1.820 foron leves, 41 graves e 6 mortais.
Por sectores, descenderon os accidentes: na pesca nun 20,00%, na agricultura nun 13,19% e na industria nun 12,54%; e aumentaron na construción nun 9,22% e nos servizos nun 13,31%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 2,42% en febreiro deste ano, respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na pesca co 18,16%, na industria foi do 9,98% e na agricultura do 9,54%; houbo un aumento nos servizos do 12,94% e na construción do 16,16%.