Luns, Xuño 11, 2012
A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 35,33% no mes de abril con respecto ao mesmo período de 2011
Santiago, 11 de xuño de 2012.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en abril do 2012 descendeu un 35,33%. Neste mes rexistráronse 1.510 accidentes fronte aos 2.335 accidentes rexistrados no mesmo período do ano anterior. Do total dos sinistros, 1.465 foron leves, 38 graves e 7 mortais.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 31,62% en abril deste ano respecto ao mesmo período do ano anterior. De feito, diminuíu a incidencia en todos os sectores: na industria foi do 38,61%, na construción foi do 37,47%, na agricultura do 28,90%, nos servizos do 22,71% e na pesca do 10,70%.
Así mesmo, é preciso destacar que a sinistralidade laboral baixou un 20,83% nos catro primeiros meses do ano, cun total de 8.158 accidentes laborais fronte aos 10.305 no mesmo período do ano 2011.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 25,75% en Lugo, nun 21,45% na Coruña, do 19,21% en Ourense e do 18,99% en Pontevedra.
Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade, sendo a diminución no total de Galicia do 17,21%. Por provincias, a accidentabilidade baixou nun 22,78% en Lugo; 18,38% na Coruña; 16,10% en Ourense e 14,27% en Pontevedra.