Luns, Xullo 01, 2013
A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 13,68% no mes de maio
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en maio de 2013 diminuíu un 13,68%. Neste mes rexistráronse 1.742 accidentes fronte aos 2.018 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.
Do total dos accidentes, 1.703 foron accidentes leves, 35 graves e 4 mortais.
Decreceron os accidentes en todos os sectores: na construción nun 40,66%, na pesca nun 16,96%, na agricultura nun 10,42%, na industria nun 8,33% e nos servizos nun 7,13%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, minguou un 13,55% en maio deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, a maior diminución foi na construción co 29,74%, na pesca do 12,91%, nos servizos foi do 10,02%, na agricultura do 5,50% e na industria do 4,12%.
Doutra banda, a sinistralidade laboral diminuíu un 9,31% nos primeiros cinco meses do ano, cun total de 9.225 accidentes laborais fronte aos 10.172 no mesmo período do ano 2012.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 14,01% en Pontevedra, do 8,40% na Coruña, nun 5,65% en Ourense, e do 0,86% en Lugo.