Novas

Luns, Outubro 24, 2011

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 11,15% no mes de setembro

A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia nun 11,15% no mes de setembro

Santiago, 24 de outubro de 2011.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en setembro do 2011 descenderon un 11,15% con respecto ao mesmo período de 2010. Neste mes rexistráronse 3.076 accidentes fronte aos 3.462 accidentes ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 3.024 foron accidentes leves, 46 graves e 6 mortais.

Por sectores, descenderon os accidentes na construción nun 16,16%, na agricultura nun 14,53%, na industria nun 13,13%, e nos servizos nun 8,70%; o único sector no que aumentaron os accidentes foi a pesca co 9,77%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinestralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 7,89% en setembro deste ano respecto ao do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na agricultura co 10,03%, na industria foi do 8,30%, nos servizos do 7,48%, e na construción do 2,02%; o único incremento foi na pesca co 12,60%.

A sinestralidade laboral diminuíu un 16,46% nos nove primeiros meses deste ano, cun total de 23.804 accidentes laborais fronte aos 28.493 no mesmo período do ano 2010.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse todas as provincias, nunha porcentaxe do 17,91% en Ourense, nun 17,63% en Pontevedra, do 15,85% na Coruña e do 13,32% en Lugo.