Luns, Xuño 25, 2012
A sinistralidade laboral reduciuse en Galicia ata maio nun 22,20%
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade neste período, sendo a diminución no total de Galicia do 18,47% e os datos da diminución por provincias os seguintes: 19,43% en Lugo, 19,06% na Coruña, 18,05% en Pontevedra e 16,22% en Ourense.
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia no mes de maio do 2012 descendeu un 27,23%. Neste mes rexistráronse 2.023 accidentes fronte aos 2.780 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.979 foron accidentes leves, 41 graves e 3 mortais.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia descendeu un 23,14% en maio deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Descendeu a incidencia en todos os sectores: na industria foi do 29,37%, nos servizos foi do 21,41%, na agricultura do 13,53%, na construción do 12,18% e na pesca do 11,59%.