Martes, Abril 27, 2010
Sinistralidade laboral marzo 2010, redúcese a sinistralidade laboral en Galicia un 20,25%
NO MES DE MARZO REDÚCESE A SINISTRALIDADE LABORAL EN GALICIA UN 20,25%
A accidentalidade laboral baixou en Galicia un 20,25% o pasado mes de marzo, periodo no que se produciron 3.620 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 4.539 do mesmo mes do ano anterior. Do total dos rexistrados, 3.541 foron leves, 72 accidentes foron de carácter grave, e 7 mortais.
Analizando os datos por sectores, a meirande diminución foi na industria cun 31,18%, seguida da construción, 21,12%, e dos servizos cunha baixada do 14,03%, mentres que na pesca producíuse un incremento do 10,37% e na agricultura dun 3,08%. Por provincias, as catro presentan en marzo taxas de sinistralidade decrecentes, encabezadas por Pontevedra, 37,44%, e Ourense, 13, 35%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario analizar o índice de incidencia, é decir, a comparación entre os datos dos accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas. O índice de incidencia é especialmente favorable na industria, cunha diminución porcentual do 26,56 %, ao pasar de 1.050,09 a 771,20 accidentes por cada 100.000 traballadores e no sector servizos, que tivo unha diminución do 13,66%, pasando dos 335,04 aos 289,28 accidentes por cada 100.000 traballadores. O maior incremento do índice de incidencia por sectores no mes de marzo foi na pesca, pasando de 596,76 a 681,08 accidentes por cada 100.000 traballadores, o que supón un incremento do 14,13%.
A diminución no primeiro trimestre é do 2,30%
Para dimensionar máis axeitadamente a interpretación destes datos é necesario contextualizalos na sinistralidade acumulada ao longo do ano. Deste xeito, analizando os datos correspondentes ao primeiro trimestre de 2010, observase que a sinistralidade laboral en Galicia baixou un 2,30%, cun total de 9.663 accidentes, fronte aos 9.890 do mesmo perido de 2009. Deles, 9.475 tiveron consideración de leves, 169 graves e 19 foron mortais.