Novas

Luns, Xaneiro 06, 2014

A sinistralidade laboral en Galicia diminúe un 6,17% entre os meses de xaneiro e novembro deste ano

A sinistralidade laboral en Galicia diminúe un 6,17% entre os meses de xaneiro e novembro deste ano

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2014.- A sinistralidade laboral diminuíu un 6,17% no acumulado de xaneiro a novembro deste ano en Galicia, cun total de 20.801 accidentes laborais fronte aos 22.168 no mesmo período do ano 2012.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 8,56% en Pontevedra, do 6,41% na Coruña, nun 1,82% en Lugo e do 1,26% en Ourense.

 

 

Doutra banda, o total dos accidentes en xornada laboral rexistrados en Galicia en novembro diminuíu un 12,65%. Neste mes rexistráronse 1.940 accidentes fronte aos 2.221 rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.912 foron leves, 27 graves e 1 mortal.

Diminuíron os accidentes en tódolos sectores agás na agricultura: na construción nun 33,05%, na industria nun 15,62%, na pesca nun 8,49% e nos servizos nun 7,09%. Na agricultura aumentou nun 14,95%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, diminuíu un 14,39% en novembro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, diminuíu na construción nun 28,55%, na industria nun 12,34%, nos servizos nun 11,51% e na pesca nun 5,25%; aumentou na agricultura nun 19,87%.