luns, Decembro 2, 2013

A sinistralidade laboral en Galicia diminúe un 5,47% entre os meses de xaneiro a outubro deste ano

  • Os accidentes laborais graves descenderon un 11,03% no acumulado do ano
  • Os sinistros mortais baixan en outubro en relación ao mesmo mes do ano pasado

 

Santiago, 1 de decembro de 2013.- A sinistralidade laboral diminuíu un 5,47% nos 10 primeiros meses do ano, cun total de 18.854 accidentes laborais fronte aos 19.946 no mesmo período do ano 2012. Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 0,59% en Lugo, do 1,37% en Ourense, do 6,13% na Coruña, e do 7,30% en Pontevedra.

Pola súa banda, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en outubro de 2013 aumentou un 8,55%. Neste mes rexistráronse 2.527 accidentes fronte aos 2.328 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.Do total dos accidentes, 2.472 foron accidentes leves, 50 graves e 5 mortais.

Diminuíron os accidentes na pesca nun 20,28% e na construción nun 3,49%. Aumentaron, pola súa banda, na agricultura nun 5,43%, nos servizos nun 8,95% e na industria nun 21,44%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 7,46% en outubro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Agás na pesca que diminuíu nun 16,82%, houbo aumento nos demais sectores: nos servizos nun 4,70%, na construción nun 5,84%, na agricultura nun 9,97% e na industria nun 27,27%.