Novas

Xoves, Xaneiro 03, 2013

A sinistralidade laboral diminuíu nun 24,06% entre xaneiro e novembro de 2012

A sinistralidade laboral diminuíu nun 24,06% entre xaneiro e novembro de 2012

Santiago, 2 de xaneiro de 2013.- A sinistralidade laboral diminuíu nun 24,06 por cento entre xaneiro e novembro de 2012, cun total de 22.175 accidentes laborais fronte aos 29.200 rexistrados no mesmo período do ano 2011.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 27,85% en Pontevedra, nun 23,52% en Lugo, do 22,11% na Coruña e do 19,14% en Ourense.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade, sendo a diminución no total de Galicia do 20,22% e os datos da diminución por provincias os seguintes: 23,58% en Pontevedra, 19,77% en Lugo, 18,60% na Coruña e 15,44% en Ourense.

Sinistralidade laboral en novembro
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en novembro do 2012 descendeu un 18,39% respecto ao 2011. Neste mes rexistráronse 2.219 accidentes fronte aos 2.719 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 13,86% en novembro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Descendeu a incidencia nos seguintes sectores: na agricultura o 17,38%, na industria o 16,95%, nos servizos o 12,65% e na construción a diminución foi do 6,45%, pola contra, aumentou a incidencia na pesca nun 9,60%.