Novas

Luns, Setembro 08, 2014

A sinistralidade laboral diminuíu en preto dun 2% en Galicia en xullo

A sinistralidade laboral diminuíu en preto dun 2% en Galicia en xullo

Santiago, 8 de setembro de 2014.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en xullo de 2014 diminuíu un 1,99%. Neste mes rexistráronse 1.874 accidentes fronte aos 1.912 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.

 

Do total dos accidentes, 1.847 foron accidentes leves, 24 graves e 3 mortais.

  

Agás na industria, diminuíron os accidentes en todos os sectores: na pesca nun 13,79%, na agricultura nun 5,45%, na construción nun 4,13% e nos servizos nun 1,42%. Pola contra, na industria os accidentes aumentaron nun 0,54%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, diminuíu un 2,63% en xullo deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, a maior diminución foi na pesca co 10,57%, na construción nun 3,80%, na agricultura nun 3,29%, e nos servizos do 3,04%. Na industria a incidencia aumentou nun 2,37%.

A sinistralidade laboral aumentou un 2,18% nos primeiros sete meses do ano, cun total de 13.009 accidentes laborais fronte aos 12.731 no mesmo período do ano 2013.

Agás en Pontevedra, este aumento dos accidentes laborais deuse en todas as provincias. Aumentaron os accidentes: na Coruña nunha porcentaxe do 7,42%, en Lugo nun 3,17% e en Ourense nun 4,03%. Os accidentes diminuíron en Pontevedra nun 5,71%.