Novas

Luns, Agosto 26, 2013

A sinistralidade laboral diminúe un 8,72 por cento nos sete primeiros meses do ano

A sinistralidade laboral diminúe un 8,72 por cento nos sete primeiros meses do ano

Santiago, 26 de agosto de 2013.- A sinistralidade laboral diminuíu un 8,72% nos sete primeiros meses do ano, cun total de 12.735 accidentes laborais fronte aos 13.952 rexistrados no mesmo período do ano 2012.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias. Así, a baixada foi do 10,26% na Coruña; do 9,84% en Pontevedra; dun 5,36% en Ourense; e do 1,59% en Lugo.

O total dos accidentes en xornada laboral rexistrados en Galicia en xullo de 2013 aumentou un 5,04%. Neste mes rexistráronse 1.916 accidentes  fronte aos 1.824 contabilizados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.875 foron leves, 38 graves e 3 mortais.

Diminuíron os accidentes na construción nun 21,86% e na pesca nun 9,38%. Aumentaron, pola súa banda, na industria nun 5,07%, nos servizos nun 11,69% e na agricultura nun 73,02%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

 

 

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 4,79% en xullo deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, diminuíu na construción nun 10,71% e na pesca nun 5,64%. Aumentou nos servizos nun 7,96%, na industria nun 9,46% e na agricultura nun 86,80%.