Novas

Luns, Outubro 28, 2013

A sinistralidade laboral diminúe en Galicia nun 7,34% entre os meses de xaneiro e setembro

A sinistralidade laboral diminúe en Galicia nun 7,34% entre os meses de xaneiro e setembro

Santiago, 28 de outubro de 2013.- A sinistralidade laboral diminuíu un 7,34% nos nove primeiros meses do ano, cun total de 16.327 accidentes laborais fronte aos 17.620 rexistrados no mesmo período do ano 2012.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias agás en Lugo, no que aumentaron nun 0,28%. Diminuíron nunha porcentaxe do 4,85% en Ourense, do 8,14% na Coruña, e do 9,31% en Pontevedra. 

 

Pola súa banda, no mes de setembro, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia aumentou un 4,80%. Neste mes rexistráronse 1.943 accidentes fronte aos 1.854 que houbo no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 1.905 foron accidentes leves, 35 graves e 3 mortais.

Diminuíron os accidentes na construción nun 12,27% e na pesca nun 4,49%. Aumentaron na industria nun 2,43%, nos servizos nun 8,83% e na agricultura nun 40,91%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia aumentou un 4,61% en setembro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Agás na construción, que diminuíu nun 2,11%, houbo un incremento nos demais sectores: na pesca nun 0,62%; nos servizos nun 5,52%; na industria nun 6,96%; e na agricultura nun 50,01%.