Luns, Setembro 06, 2010
A SINISTRALIDADE LABORAL DESCENDE EN GALICIA UN 1,64% NO MES DE XULLO
sinistralidade laboral baixou en Galicia un 1,64% o pasado mes de xullo, período no que se produciron 3.242 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 3.296 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos rexistrados, 3.182 foron casos leves, 49 graves e 11 mortais.
Analizando os datos por sectores, a meirande diminución foi na pesca, cunha baixada do 7,14%; seguida da construción cun 5,26%; dos servizos, cun 1,69%, e da industria, cun 0,20%. O único sector que rexistrou un incremento foi o da agricultura, cun 13,93%. Por provincias, en todas, agás en Pontevedra, descende o número de sinistros laborais, nunha porcentaxe encabezada por Ourense cun 8,74%, A Coruña cun 5,25% e Lugo cun 2,98%. Na provincia de Pontevedra subiu un 4,90%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario tomar en consideración o índice de incidencia, é dicir, a comparación entre os datos de accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas.
O índice de incidencia da sinistralidade diminuíu en xullo un 0,23%, sendo o sector pesqueiro o que presenta un comportamento máis favorable cunha reducción do índice do 4,94%, seguido dos servizos, cunha diminución do 2,75%. Nos restantes sectores de actividade houbo incrementos do índice de incidencia, que foron do 3,14% na industria, do 5,65 % na construción e do 21,48% na agricultura.
Baixada acumulada do 5,66% de xaneiro a xullo.
Para dimensionar máis axeitadamente a interpretación destes datos, é necesario contextualizalos na sinistralidade acumulada ao longo do ano. Desde xeito, considerando os resultados do período correspondente de xaneiro a xullo de 2010, obsérvase unha baixada en Galicia do 5,66%, cun total de 21.562 accidentes, fronte aos 22.856 no mesmo período de 2009.