Luns, Xuño 03, 2013
A sinistralidade laboral baixou nun 8,17% no primeiro cuadrimestre de 2013 en Galicia
Santiago, 3 de xuño de 2013.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia no primeiro cuadrimestre de 2013 diminuíu un 8,17%, cun total de 7.488 accidentes laborais fronte aos 8.154 no mesmo período do ano 2012.
Este descenso produciuse en todas as provincias, agás en Lugo, onde tiveron o mesmo número de accidentes que no ano pasado, nunha porcentaxe do 13,11% en Pontevedra, do 6,95% na Coruña e nun 4,16% en Ourense.
Doutra banda, no mes de abril a sinistralidade aumentou un 34%. Neste mes rexistráronse 2.022 accidentes fronte aos 1.509 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total, 1.973 foron accidentes leves, 45 graves e 4 mortais.
Aumentaron os accidentes en todos os sectores: na agricultura nun 66,13%, na pesca nun 54,67%, na industria nun 38,63%, nos servizos nun 34,61% e na construción nun 8,62%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 34,86% en abril deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior aumento foi na agricultura co 74,75%, na pesca do 63,32%, na industria do 45,55%, nos servizos foi do 30,99% e na construción foi do 30,75%.