Luns, Marzo 18, 2013
A sinistralidade laboral baixou nun 6,7 por cento no mes de xaneiro en Galicia
Santiago, 18 de marzo de 2013.- A sinistralidade laboral baixou en Galicia un 6,7% o pasado mes de xaneiro, período no que se produciron 2.004 accidentes con baixa en xornada laboral, fronte aos 2.148 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos rexistrados, 1.970 foron casos leves, 26 graves e oito mortais.
O descenso da sinistralidade neste mes concéntrase en dous sectores: na construción cun 40,11% e na industria cun 7,27%. Nos demais sectores prodúcense aumentos: na agricultura foi do 22,09%, na pesca do 7,53% e nos servizos do 2,00%.
Por provincias, descenderon os accidentes laborais nunha porcentaxe do 19,08% en Pontevedra, e do 10,33% en Ourense; e houbo aumentos do 1,80 % en Lugo e do 2,59% na Coruña.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario tomar en consideración o índice de incidencia, é dicir, a comparación entre os datos de accidentes en relación co número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas.
Con este criterio, o índice de incidencia da sinistralidade diminuíu en xaneiro un 5,59%, sendo o sector da construción o que presenta un comportamento máis favorable cunha redución do índice do 25,65%; seguido da industria cunha diminución do 2,04%; e dos servizos co 0,57%, (neste ano contabilízanse coma cotizantes o persoal empregado do fogar). Houbo aumentos da incidencia nos demais sectores: na pesca foi do 16,06% e na agricultura do 27,84%.