Luns, Abril 08, 2013
A sinistralidade laboral baixou nun 19,31 por cento no mes de febreiro en Galicia
Santiago, 8 de abril de 2013.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en febreiro de 2013 descendeu un 19,31%. Neste mes rexistráronse 1.843 accidentes fronte aos 2.284 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.
Do total dos accidentes, 1.797 foron accidentes leves, 40 graves e 6 mortais.
Por sectores, descenderon os accidentes: na construción, nun 48,51%; na industria, nun 15,54%; na agricultura, nun 14,95%; e nos servizos, nun 13,50%; mentres que aumentaron na pesca, nun 7,14%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 18,34% en febreiro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na construción co 36,66%, nos servizos foi do 15,66%, na industria do 10,45% e na agricultura do 10,23%; houbo un aumento na pesca do 14,78%.
En canto ao dato de 2013, a sinistralidade laboral diminuíu un 13,27% nos dous primeiros meses do ano, cun total de 3.844 accidentes laborais fronte aos 4.432 no mesmo período do ano 2012.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 19,87% en Pontevedra, do 10,07% na Coruña, nun 8,46% en Lugo e do 7,28% en Ourense.