Xoves, Abril 05, 2012
A sinistralidade laboral baixou en Galicia nun 18,44% no mes de febreiro
Santiago, 5 de abril de 2012.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia no mes de febreiro deste ano descendeu un 18,44%. Neste mes rexistráronse 2.287 accidentes fronte aos 2.804 sinistros contabilizados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 2.238 foron accidentes leves, 46 graves e 3 mortais.
Por sectores, descenderon os accidentes na construción nun 29,10%; na industria nun 20,76%; e nos servizos nun 16,18%. Pola súa banda, aumentaron: na pesca nun 5,94% e na agricultura nun 8,57%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia descendeu un 14,94% en febreiro deste ano con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na industria co 16,08%; nos servizos foi do 14,76%; e na construción do 12,47%. Pola contra, aumentou na pesca nun 9,93% e na agricultura nun 10,90%.
Diminución acumulada
A sinistralidade laboral diminuíu un 13,95% nos dous primeiros meses do ano, cun total de 4.436 accidentes laborais fronte aos 5.155 rexistrados no mesmo período do ano 2011.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias, nunha porcentaxe do 18,81% en Lugo; do 16,20% na Coruña; do 13,24% en Ourense; e do 9,83% en Pontevedra.