Domingo, Agosto 03, 2014
A sinistralidade laboral aumentou nos seis primeiros meses de 2014 nun 2,89%
- Pola súa banda, os accidentes graves diminúen un 1,36% na primeira metade do ano
- En xuño os accidentes aumentaron un 4,57% en relación a xuño de 2013
Santiago, 3 de agosto de 2014.- A sinistralidade laboral aumentou un 2,89% na primeira metade do ano, cun total de 11.133 accidentes laborais fronte aos 10.820 no mesmo período do ano 2013.
Agás en Pontevedra, este aumento dos accidentes laborais deuse en todas as provincias. Aumentaron os accidentes: na Coruña, nunha porcentaxe do 7,93%; en Lugo, nun 2,63%; e en Ourense, nun 0,96%. Os accidentes diminuíron en Pontevedra nun 3,16%.
Se se toman como referencia os datos concretos do mes de de xuño, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en xuño de 2014 aumentou un 4,57%. Neste mes rexistráronse 1.670 accidentes fronte aos 1.597 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.634 foron accidentes leves, 33 graves e 3 mortais.
Agás na construción, aumentaron os accidentes en todos os sectores: na pesca, nun 27,94%; na agricultura, nun 10,39%; nos servizos, nun 4,68%; e na industria nun 3,77%. Pola contra, na construción os accidentes diminuíron nun 3,90%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 4,68% en xuño deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior aumento foi na pesca co 32,39%, na agricultura nun 13,34%, na industria nun 6,25%, e nos servizos do 3,91%. Na construción a incidencia diminuíu nun 3,30%.