Novas

Martes, Xaneiro 03, 2012

A sinestralidade laboral reduciuse en Galicia nun 16,14 por cento no mes de novembro

A sinestralidade laboral reduciuse en Galicia nun 16,14 por cento no mes de novembro

Santiago, 3 de xaneiro de 2012.- A sinestralidade laboral baixou en Galicia un 16,14% no pasado mes de novembro, período no que se produciron 2.722 accidentes, fronte aos 3.246 ocorridos no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes rexistrados, 2.678 foron accidentes leves, 38 graves e 6 mortais.

O descenso foi xeneralizado en todos os sectores. A cifra máis positiva procede da industria, cunha baixada do 23,63%; seguida da construción, cun descenso do 23,37%; dos servizos, cun 8,93%; da pesca, cunha diminución dos sinistros nun 8,26%; e da agricultura cunha minoración do 4,86%.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias, encabezando a lista Pontevedra, cunha baixada do 17,62%; seguida de Ourense cun descenso do 17,20%; A Coruña co 14,21% e Lugo cunha diminución do 12,78%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

Seguindo este criterio, o índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia descendeu un 14,59% en novembro deste ano respecto ao do ano anterior. Por sectores, o maior descenso foi na industria co 19,82%, seguido dos servizos cunha diminución do 10,22%, na construción co 8,06%, na pesca cunha baixada do 7,01% e na agricultura cun descenso do 0,34%.

Diminución do 15,63% de xaneiro a novembro
A sinestralidade laboral diminuíu un 15,63% nestes once meses do ano, cun total de 29.208 accidentes laborais fronte aos 34.617 no mesmo período do ano 2010.