xoves, Decembro 12, 2019

Sanidade crea o Rexistro galego de exposición laboral ao amianto

  • A inscrición no Regela axudará ao recoñecemento médico legal das incapacidades e das prestacións por continxencias laborais dos afectados
  • Ao tratarse dun rexistro oficial, poderá ser presentada no procedemento de acreditación da súa exposición laboral

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019. O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se crea e se regula o Rexistro galego de exposición laboral ao amianto (Regela). Con este documento preténdese aumentar o nivel de protección da saúde do colectivo exposto ao amianto e que a vixilancia da súa saúde sexa o máis completa posible. O Regela mellora a seguridade xurídica dos afectados, facilita a transparencia e a accesibilidade da información e simplifica os procedementos.

O amianto é un risco laboral cun período de latencia das enfermidades derivadas da súa exposición moi longo, entre 20 e 30 anos. Por iso é necesario que a vixilancia da saúde do colectivo afectado se prolongue alén do período de exposición, tanto se os traballadores seguen en activo na mesma empresa na que sufriron a exposición como se non. Tamén permitirá rexistrar ao colectivo que xa non está no mercado laboral, que tivo exposición e que está sendo vixiado no Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, terá en conta o persoal traballador cunha exposición laboral actual nas empresas de desamiantación.

A creación do Regela axudará a controlar a vixilancia da saúde realizada polos servizos de prevención en relación co amianto. Así mesmo obrigará aos profesionais médicos do traballo que fan seguimento aos traballadores que continúan na empresa onde foron expostos ao amianto, a remitiren a información da vixilancia da súa saúde. Ademáis rexistrarase o colectivo vixiado nun sistema específico de información do Servizo Galego de Saúde. Este será un paso imprescindible para poder comparar os datos a nivel nacional no Programa integral de vixilancia da saúde das persoas traballadoras que estiveron expostas ao amianto (Pivistea).

Outra das achegas do Regela é que o persoal médico do traballo poderá acceder á información existente no Sergas en relación con anteriores vixilancias da saúde co fin de coñecer as patoloxías preexistentes. Isto é especialmente útil xa que, debido á variedade temporal das contratacións dos servizos de prevención nas empresas, é difícil que un mesmo equipo realice a vixilancia da saúde do traballador durante moitos anos.

Así mesmo, a creación do Regela axudará ao recoñecemento médico legal das incapacidades e das prestacións por continxencias laborais dos afectados, xa que ao tratarse dun rexistro oficial, a inscrición poderá ser presentada no procedemento de acreditación da súa exposición laboral. Ademais, posibilitará un procedemento para que os traballadores expostos ao amianto que non teñan recoñecida esta circunstancia nas empresas nas que traballaban poidan ser incluídos no rexistro.