Novas

Mércores, Abril 03, 2024

Rivo fai fincapé en que a Xunta está vixiante para garantir o cumprimento da prevención de riscos laborais en Galicia

Xunta
  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, protagoniza un vídeo que se vén de difundir nas redes sociais para concienciar ás empresas galegas da necesidade de garantir a seguridade e saúde no traballo
  • Con ese propósito, continuarán os controis en coordinación coa Inspección de traballo para garantir que se respectan os dereitos das persoas traballadoras e avanzar no seu benestar laboral 
  • As sancións económicas ás empresas en materia de seguridade e saúde laboral van dos 45 euros das máis leves aos preto de 1 M€ aos que poden chegar as moi graves 
  • A Xunta ten en vigor a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que afronta os riscos ante a transformación do mercado laboral e  senta as bases para crear contornas de traballo seguras, saudables e sustentables

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, protagoniza un vídeo que se vén de difundir nas redes sociais para facer fincapé en que a Xunta está vixiante respecto do cumprimento da prevención de riscos laborais en Galicia. Convencida de que “o emprego abre as portas do benestar”, a representante autonómica tamén se amosa rotunda ao aseverar que para que ese emprego xere progreso “ten que ser seguro, saudable e respectuoso coa contorna”. 

Nese senso, Rivo apunta que o Goberno galego está na obriga de garantir que se cumpren os dereitos das persoas traballadoras no que a seguridade e saúde no traballo se refire, co propósito de “avanzar cara ao benestar laboral”. Esa é unha das funcións do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que traballa en coordinación coa Inspección de traballo do Goberno central.

“Seguiremos avanzando”, afirma a conselleira en funcións, sinalando que a Xunta está vixiante porque “é a nosa responsabilidade e o noso compromiso”. 

Co gallo de garantir o cumprimento da prevención de riscos para a seguridade e saúde no traballo en Galicia, continuarán os controis e inspeccións levados a cabo entre os executivos autonómico e central. Nesa liña, cómpre lembrar que as sancións económicas ás que se poden enfrontar as empresas van dos 45 aos 2.450 euros se son incumprimentos leves, dos 2.451 aos 49.180 euros nos casos graves e dos 49.181 aos 983.736 euros para sancións moi graves. 

Estratexia Horizonte 2027

A Xunta ten en vigor a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, elaborada polo Issga da man dos interlocutores sociais para desenvolver dunha forma ordenada e eficaz as políticas en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo nos próximos anos. O documento ten en conta a configuración do noso tecido produtivo -integrado de xeito principal por pemes e micropemes-, as peticións das entidades sindicais e as achegas doutras consellerías da Xunta. 

O novo marco estratéxico nace para avanzar na consolidación da calidade do emprego, situando como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, situando no centro ás persoas. 

A Estratexia dá resposta a un contexto laboral en permanente transformación, para facer fronte aos riscos derivados dos novos sectores e novas formas de traballo. Adapta así a xestión preventiva, por exemplo, ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, os robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo. 

Así mesmo, a Xunta senta as bases para abordar os riscos psicosociais vencellados co traballo e os danos nas persoas provocados polos accidentes laborais e enfermidades profesionais. Nesa liña, trabállase para reducir a sinistralidade en sectores con maior incidencia ou singulares, como son o dos coidados, pesca, construción, forestal ou naval.  

Cómpre engadir que a Estratexia ten en conta as necesidades dos colectivos vulnerables ante o traballo, facendo fincapé nas especificidades necesarias no eido da prevención pola diversidade de xénero ou xeracional. Está dotada con 55,8 millóns de euros para o seu período de vixencia (2023-2027).