Novas

Martes, Decembro 12, 2023

Rivo avanza que Galicia conta co marco apropiado para dispor de contornas laborais seguras e saudables para facer fronte ós riscos emerxentes

Rivo avanza que Galicia conta co marco apropiado para dispor de contornas laborais seguras e saudables para facer fronte ós riscos emerxentes
  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou en Lugo as XXVI Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais
  • Expuxo que a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo en Galicia Horizonte 2027 está a avogar pola saúde integral das persoas traballadoras e o seu benestar, con medidas para facer fronte a riscos como os emanados do uso das novas tecnoloxías
  • A Xunta de Galicia quere introducir a perspectiva de xénero na prevención de riscos xestionada polas empresas e que esta atenda á diversidade dos traballadores

Lugo, 12 de decembro de 2023. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou na facultade de Ciencias, do Campus de Lugo, as XXVI Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, onde remarcou o compromiso da Xunta de Galicia coa creación de contornas de traballo seguras, saudables e sustentables, que se fai patente na nova Estratexia autonómica sobre a materia con vixencia ata 2027.

Rivo incidiu en que o novo marco nado da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo en Galicia: Horizonte 2027 está a situar como valores fundamentais das actuacións nesta materia a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e o benestar laboral.

Tal e como recalcou a representante autonómica, Galicia estase a preparar para facer fronte a riscos emerxentes, como os emanados das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a big data ou a Internet das cousas, entre outras.

Incidiu a conselleira tamén no compromiso para seguir a abordar e sensibilizar ante os riscos de carácter psicosocial vencellados co traballo e para minimizar os danos na saúde das persoas.

Galicia quere reducir de aquí en catro anos a sinistralidade en sectores nos que presenta maior incidencia ou que teñen carácter singular. O dos coidados, a pesca, a construción ou o forestal foron algúns dos apuntados.

A comunidade apostará, por outra banda, por unha prevención con perspectiva de xénero, apuntou a titular de Promoción do Emprego, que atenda á diversidade dos traballadores e que preste especial atención ás pemes e micropemes, maioritarias entre o noso tecido produtivo, engadiu.

A conselleira aproveitou a clausura das xornadas para felicitar á Sociedad Gallega de Prevención de Riesgos Laborales polo seu 50 aniversario. Avogou pola implicación e participación activa de organizacións empresariais, axentes sociais e administracións para mellorar a xestión preventiva nos espazos de traballo e, con ela, a seguridade. Porque, como dixo Rivo, “o traballo abre as portas do benestar e o benestar é imprescindible no traballo”.