Novas

Luns, Setembro 15, 2025

Reunión do subgrupo de traballo Axenda nacional para a prevención do cancro profesional

jornada agenda nacional

Madrid, 15 de setembro de 2025

No día de hoxe tivo lugar unha nova reunión do subgrupo de traballo Axenda nacional para a prevención do cancro profesional, na que participou o ISSGA, para continuar coa execución das medidas consensuadas na Axenda e dar cumprimento ao establecido no Plan de acción 2025-2027 da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo.

A prevención de enfermidades relacionadas co traballo, con especial énfase no cancro de orixe profesional, é unha das prioridades incluídas nos marcos estratéxicos, tanto de ámbito europeo como a nivel nacional e de Galicia, e a Axenda nacional é un reflexo diso. Esta Axenda é froito do consenso científico-técnico e social e, tras a súa aprobación no Pleno da CNSST a principios deste ano, comezou a súa andaina para lograr os seus obxectivos.

Este documento afronta o cancro laboral desde un enfoque de 360º e durante o seu desenvolvemento levarán a cabo accións para:

  • Adaptar os instrumentos normativos en función da actualización ao progreso da normativa europea.

  • Desenvolver actuacións de sensibilización en prevención de cancro de orixe profesional.

  • Mellorar a identificación, e avaliación e control da exposición a axentes canceríxenos.

  • Colaborar en iniciativas dentro do marco europeo en materia de prevención da exposición a axentes canceríxenos no medio laboral.

  • Realizar accións formativas dirixidas á mellora da actuación preventiva sobre a exposición a axentes canceríxenos.

  • Promover o coñecemento científico e epidemiolóxico en cancro de orixe laboral

  • Impulsar a comunicación de sospeita de cancro laboral.

Desde o ISSGA continuamos con actuacións encamiñadas a previr e controlar a exposición das persoas traballadoras a axentes canceríxenos e a mellorar o coñecemento das enfermidades profesionais, no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027 e o Plan de actuación 2025.