Xoves, Decembro 11, 2025
Reunión do grupo técnico de traballo Forestal do ISSGA
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
Hoxe tivo lugar na sede do ISSGA en Santiago de Compostela unha reunión do grupo técnico de traballo do sector forestal, na que participaron persoal técnico do Instituto xunto coa entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), as empresas Ence e Finsa —referentes estatais en transformación da madeira— e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo.
A sesión permitiu avanzar na elaboración das fichas de análise dos accidentes de traballo no ámbito forestal, así como na recompilación de información necesaria para desenvolver recomendacións preventivas e protocolos de actuación fronte á vespa velutina, cuxa presenza está a afectar cada vez máis a diversas actividades profesionais vinculadas ao monte e tamén se comezaron a definir as liñas prioritarias de traballo para o próximo ano.
O sector forestal continúa a ser unha das áreas prioritarias no Plan de Actuación do ISSGA 2026, tanto no que respecta ao estudo e investigación da sinistralidade, como no asesoramento técnico ás empresas, a promoción da prevención de riscos laborais e o desenvolvemento de accións formativas específicas.