Novas

Mércores, Abril 22, 2026

Reunión do grupo de traballo de Notificación e Rexistro de Accidentes de Traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo

imaxe grupo de notificación de accidentes de traballo

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou hoxe na reunión do grupo de traballo de Notificación e Rexistro de Accidentes de Traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), celebrada en formato híbrido mediante videoconferencia e con asistencia presencial na sede do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), en Madrid. 

Na sesión , na que participou  en representación do Issga, o técnico Manuel Armada Oya, abordouse a aprobación do documento correspondente á primeira parte do mandato do grupo de traballo, centrado na análise e mellora do sistema de notificación dos accidentes de traballo. As persoas integrantes deron por resoltas as observacións formuladas ao texto, quedando pendente a remisión da versión definitiva para a súa aprobación final e posterior elevación ao Pleno da CNSST.

Tamén se avanzou na posta en marcha da segunda fase dos traballos, orientada á cualificación dos accidentes de traballo, unha cuestión de especial relevancia para a mellora da información estatística e da xestión preventiva.

A participación do Issga nestes foros técnicos de ámbito estatal enmárcase no seu labor de colaboración institucional e de coordinación coas administracións competentes en materia de seguridade e saúde laboral, contribuíndo á mellora continua dos sistemas de prevención e ao coñecemento da sinistralidade laboral.