Xoves, Decembro 04, 2025
Reunión do Consello Reitor do ISSGA en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela 4 de decembro de 2025
O Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), órgano colexiado superior de goberno da entidade, reuniuse hoxe en modalidade mixta —presencial e por videoconferencia— baixo a presidencia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e coa participación dos axentes sociais e das distintas unidades directivas da Xunta de Galicia.
Na sesión a xerente do ISSGA, Adela Quinzá Torroja-García presentou o borrador do Plan de actuación para o exercicio 2026, que agora será obxecto das achegas das entidades representadas no Consello.
Deuse ademais conta da formación interna impartida no ano 2025, orientada a reforzar as capacidades técnicas do persoal do ISSGA e informouse dos principais indicadores de sinistralidade laboral rexistrados en Galicia nos nove primeiros meses do ano, permitindo unha análise preliminar da evolución dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais.