Xoves, Xaneiro 21, 2010
Reunión de traballo dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral do País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia sobre prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e actividades afíns.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organizou o día 20 de xaneiro na súa sede central na Casa da Parra en Santiago de Compostela, unha reunión de traballo para a análise das actuacións desenvolvidas en prevención de riscos laborais no sector da pesca e actividades afíns.
A dita reunión asistiron os directores do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais, Manuel Barba, do Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo, Amalio Sánchez, as directoras do Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral – OSALAN-, Pilar Collantes, e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral – ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, así como técnicos prevencionistas con experiencia no sector.
O obxectivo desta iniciativa foi a posta en común de actuacións xa realizadas ou en fase de deseño por estes organismos nun sector de gran importancia nas catro comunidades autónomas e de especial sensibilidade e preocupación dende o eido da seguridade e saúde laboral.
Téntase sumar esforzos cara a dar resposta a problemáticas similares, optimizando recursos mediante a debida coordinación e traballo común, aproveitando as experiencias acumuladas e avaliando as actuacións con maior e mellor repercusión no sector.
Durante a xuntanza os técnicos dos institutos expuxeron os diversos plans e proxectos levados adiante no sector, para finalizar coa proposta da creación dun grupo de traballo que se encargue de avanzar nunha colaboración estable entre os órganos técnicos en prevención das catro comunidades.
Entre as actuacións que desenvolve o ISSGA, en coordinación coa Consellería do Mar e en colaboración coas confrarías e federacións nas que se agrupa este sector, cabe destacar o Plan Vixía, o Proxecto Saúde para o marisqueo a pé, accións de I+D+I de deseño dun equipo que garanta a flotabilidade así como a celebración de xornadas técnicas, a elaboración de publicacións e audiovisuais para o sector docente e diversos programas de asesoramento e control do cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, xunto coa autoridade laboral e a Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Con esta xuntanza o ISSGA iniciou no 2010 as súas actuacións a prol da sensibilización, información, formación e promoción da prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e actividades afíns.