mércores, Outubro 19, 2022

Reunión de coordinación das actuacións do Issga en materia de amianto

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022. Hoxe tivo lugar unha reunión para a coordinación das actuacións do Issga en materia de amianto na que participou o persoal técnico dos catro centros provinciais do Issga implicado nas tarefas relacionadas coa tramitación e seguimento dos plans de traballo con risco por amianto e o persoal da Subdirección Técnica e de Planificación que exerce os labores de coordinación nesta materia.

Na reunión abordáronse diferentes aspectos relacionados co seguimento da execución dos traballos con risco por amianto e coa necesidade de actualizar criterios e directrices para a aprobación de plans de traballo con risco por amianto tendo en conta a recente publicación da nova guía técnica de amianto do INSST. Traballouse en definitiva na mellora continua e uniformidade das nosas actuacións nesta materia.

As empresas que traballan con amianto deben dispor dun plan de traballo aprobado pola autoridade laboral no que deben describir con detalle o traballo que van realizar (retirada, reparación, mantemento...) lugar e data, de que tipo e cantidade de material se trata, o método concreto de traballo, e todas as medidas de prevención e protección que se vaian a aplicar, como se xestiona o residuo xerado e tamén os traballadores que intervirán. O fin último é previr os riscos para as persoas traballadoras, e evitar que os traballos ocasionen riscos á poboación e ao medio ambiente.

Para xestionar as autorizacións dos traballos con risco por amianto en Galicia es empresas deben dirixirse ao Issga: https://issga.xunta.gal/gl/portais-tematicos/amianto

As actuacións deste instituto nesta materia recóllense na ficha “5.14.Traballos con risco por amianto. Programa integral Alerta_Issga pode haber amianto” do noso Plan de actuación 2022: https://issga.xunta.gal/gl/biblioteca/plan-de-actuacion-2022