Mércores, Xullo 09, 2014
Reunión da Comisión de Goberno do Issga
Hoxe ten lugar na sala 0 do Edificio Administrativo de San Lázaro en Santiago de Compostela a segunda sesión ordinaria que ten lugar este ano da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, de acordo co artigo 8 da Orde do 23 de agosto de 2010 (DOG núm. 168, do 1 de setembro) pola que se aproba o seu Regulamento orgánico de funcionamento.
A orde do día é a seguinte:
1. Lectura e aprobación da acta da sesión anterior núm. 1/2014
2. Informe de execución do plan de actividades 2014 período xaneiro-maio
3. Presentación do informe final do mapa de risco químico no sector industrial (Lucía Ferrón Vidán)
4. Presentación das fichas de investigación de accidentes no sector do agro
5. Informe sobre a execución das actividades formativas e informativas na prevención de riscos laborais no sector primario
6. Resposta á cuestión formulada á Fundación Laboral da Construción, a proposta da CIG, e información sobre a sinatura dun acordo de colaboración coa dita fundación
7. Publicacións elaboradas polo Issga
8. Rolda de intervencións
A Comisión de Goberno é o máximo órgano de dirección do instituto. Está composta por doce membros, seis en representación da Administración e outros seis en representación dos axentes económicos e sociais, tres a proposta das organizacións sindicais e tres a proposta da organización empresarial.
Correspóndelle á Comisión de Goberno, máximo órgano de dirección do instituto, o desenvolvemento das seguintes funcións:
· Establecer os criterios xerais de actuación en materia de seguridade e saúde laboral na Comunidade Autónoma, en virtude das políticas, dos programas e dos plans que estableza o Consello da Xunta de Galicia.
· Establecer as liñas xerais de actuación do instituto e aprobar o plan anual de actividades.
· Aprobar o anteproxecto de orzamento anual.
· Elaborar o seu propio regulamento orgánico de funcionamento.