Xoves, Outubro 19, 2023
Rematou o curso de formación sobre o radon no ámbito laboral organizado polo ISSGA en colaboración coa EGAP
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023. O novo Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022), implica importantes novidades que afectan ao radon no ámbito laboral. Esta nova normativa, xunto co futuro Plan Nacional contra o Radon, que coordina o Ministerio de Sanidade, reforza o marco de protección contra este contaminante e tamén establece novas obrigas legais que fan necesario orientar aos titulares das actividades.
Galicia é unha zona especialmente afectada por este gas de orixe natural debido ás súas características xeolóxicas e por iso un número elevado de empresas e actividades laborais van ter que cumprir con esta nova normativa. Neste contexto, a Inspección de Traballo e Seguridade Social está a ultimar un protocolo de colaboración co Consello de Seguridade Nuclear, órgano competente nesta materia, para vixiar o cumprimento da regulamentación en materia de radon laboral.
O curso, que se desenvolveu en modalidade de telepresenza a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dirixiuse ao persoal técnico da administración, especialmente ao persoal do Issga e dos servizos de prevención da Xunta de Galicia, xa que realizan funcións de asesoramento técnico e normativo ao tecido empresarial galego e administracións, e centrouse tanto nos perigos do radon, estudos realizados e solucións para reducir os niveis en interiores, como nas implicacións e responsabilidades legais para os centros de traballo e as competencias e actuacións das diferentes administracións e dos servizos de prevención.
Foi impartido por persoal docente experto na materia do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, os profesores Alberto Ruano Raviña e Juan Barros Dios, líderes a nivel mundial nos estudos e investigacións sobre este gas, e tamén por expertos do Consello de Seguridade Nuclear, único órgano competente en España en materia de radiacións ionizantes, Marta García-Talavera San Miguel, Miriam Hebella Blazquez e Gonzalo Alberdi Vallés.