Novas

Venres, Marzo 15, 2019

Publicamos un artigo na revista Formación de seguridad laboral sobre o sector vitivinícola

Esta publicación, a decana da protección e saúde no traballo, de carácter bimestral, publica no seu número 163 do mes de febreiro deste ano, un especial sobre a PRL no sector alimentario. Entre os artigos publicados figura o elaborado por Ángel López Álvarez, xefe do Centro ISSGA – Ourense, sobre a mellora da cultura preventiva no sector vitivinícola de Galicia.

O sector vitivinícola representa un alicerce básico do sector primario na economía galega e do ámbito rural así como un referente de identidade da nosa comunidade autónoma. Responde a un colectivo sometido a riscos de especial interese por canto os seus traballadores están expostos a circunstancias de diversa índole asociadas ás formas tradicionais de produción, que aínda que experimentaron importantes innovacións tecnolóxicas, poden ser causa de accidentes e enfermidades.

Dende o ISSGA vimos traballando nos últimos anos coa idea de abordar actuacións que melloren as condicións de traballo no sector primario, neste caso nas actividades do sector vitivinícola, achegándonos ás persoas que potencialmente pueden ser suxeitos de riscos derivados destas actividades, así como ás organizacións que interveñen no sector.

Logo de analizar e coñecer a realidade do sector e dos riscos dos distintos lugares de traballo, elaboramos os documentos técnicos axeitados con pautas concretas de aplicación directa polo traballador acompañadas dunha imaxe clara que recolla situacións habituais de traballo onde se poidan dar estes riscos e indicando as medidas preventivas para evitalos.

Para o sector vitivinícola se elaboraron tres publicacións técnicas que recollen os traballos en bodegas, na viña e durante a vendima, de xeito que se teñen en conta as distintas labores asociadas a este sector.

O obxectivo final non é outro que conseguir un mellor coñecemento dos riscos e das medidas preventivas por parte de todos os actores implicados (traballadores, técnicos e entidades) para trazar o camiño cara a unha mellora das condicións de traballo e unha diminución da exposicións aos riscos.

Nesta páxina web o ISSGA pon a disposición de todos os interesados diversas publicacións que poden ser de interese para o sector relativas a riscos de maquinaria no sector agrario, traballos en laboratorio ou mesmo alerta sobre a vespa velutina, entre outras.