Novas

Luns, Febreiro 27, 2012

Publicados dous novos traballos no Observatorio Galego de Condicións de Traballo do ISSGA

Publicados dous novos traballos no Observatorio Galego de Condicións de Traballo do ISSGA

ESTUDO DOS ACCIDENTES LABORAIS NON TRAUMÁTICOS. 2007-2010

Considéranse accidentes non-traumáticos os acontecidos sen axente físico externo que cause lesións ao traballador. Teñen a súa orixe en infartos, derramos e outros accidentes vasculares, que aparecen tipificados, nos partes de accidente comunicados a través do sistema Delt@ (Declaración electrónica de traballadores accidentados), na variable forma de contacto, codificados co número 90. Se ben os accidentes que teñen este código de forma de contacto son poucos en número, en relación co total anual dos accidentes, son unha parte importante dos accidentes mortais. Como exemplo, no ano 2010, dos 65 accidentes mortais en xornada de traballo contabilizados por data de validación nese ano, 19 corresponden a accidentes non-traumáticos, o que supón o 29,23% sendo a segunda forma de accidente máis importante nos accidentes mortais.

Os partes de accidente se poden contabilizar en función da data de baixa do traballador ou da data en que o parte é validado pola Autoridade Laboral, sendo o primeiro o criterio empregado neste estudo. Se ben utilizar a data de baixa é un criterio que se achega máis ao número de accidentes acontecidos nun período de tempo concreto que a data de recepción ou validación pola Autoridade Laboral Provincial, presenta o problema do atraso en que se estabilizan os datos, atraso producido no proceso de emisión-comprobación-validación, con posibles correccións intermedias, dende que a empresa comunica o accidente ata que pasando pola Entidade Xestora ou Colaboradora, o representante da Administración o valida. Este problema fai que para datos que é necesario entregar en prazos de tempo moi curtos dende que acontecen os accidentes sexa preferible contabilizalos pola data de validación, e en estudos específicos que se realizan tempo despois de acontecidos os accidentes é mellor utilizar a data de baixa, como se fai neste traballo.

Para a realización deste estudo, utilizáronse os partes de accidentes de traballo por causas non traumáticas acontecidos en Galicia dende os anos 2007 a 2010 inclusive, segundo a data de baixa do traballador que consta no parte.

ANÁLISE DOS ACCIDENTES LABORAIS POR SOBREESFORZO. 2010

Un sobreesforzo físico, entendendo como tal o que se realiza por enriba da capacidade física normal dunha persoa determinada ao facer unha tarefa, é unha causa frecuente de molestias e lesións. Na Comunidade Galega, púidose constatar polos datos obtidos dos accidentes acontecidos en varios anos, que aproximadamente a terceira parte do total destes prodúcense, ou máis concretamente, clasifícanse pola forma en que se producen, por sobreesforzos.

Na actividade profesional, un sobreesforzo puntual pode ser causa de lesións que se manifesten de forma máis ou menos próxima ao feito, ou producir un dano o suficientemente pequeno para que o traballador non interrompa a súa actividade a causa deste, e agravarse se non hai un tempo suficiente de recuperación ou o dano é permanente, como p. ex. distensións e microroturas de fibras, ou desgastes e outros danos en articulacións e ósos.

Estas lesións corporais que o traballador sofre con ocasión ou por consecuencia do traballo poden ser consideradas accidentes de traballo, ou mesmo se os danos son crónicos e está recoñecida, ter a consideración de enfermidade profesional (Grupo II, letras B a G inclusive).

Os sobreesforzos físicos derivan no que se denomina "Trastornos Músculo-Esqueléticos", abreviado como TME, que cando acontecen accidentes maniféstanse en forma de dislocacións, escordaduras, torceduras, e danos sobre os ósos como fisuras e fracturas. Estes trastornos son produto de prácticas incorrectas das actividades do traballo, por insuficiente formación ou información ou por deficiencias e carencias organizativas ou de medios. Os factores que habitualmente se considera que son desencadeantes deste tipo de lesións son: a manipulación de cargas pesadas (de forma non axeitada, postural ou sen medios adecuados); traballar nunha postura forzada (o que pode provocar danos por torsión ou por momento de forza); movementos repetitivos e vibracións mecánicas (que por acumulación de pequenos danos, musculares, articulares ou óseos poden provocar danos maiores), que son causa frecuente de molestias e dores; movementos bruscos e posicións incorrectas de extremidades que provoquen elevadas tensións ou compresións sobre músculos nervios e ligamentos.

Por todo o anterior, realízase este estudo baseado nos datos obtidos da comunicación de accidentes de traballo e de recaídas destes, tanto para poñer de manifesto o grao de utilidade da información dispoñible desta forma, como de sacar algún tipo de información orientativa sobre aqueles accidentes de traballo con orixe por sobreesforzo que son máis proclives a producir ou a manifestarse co tempo en forma de enfermidade.

Os datos utilizados neste traballo son obtidos do sistema Delt@ de declaración electrónica de accidentes de traballo, utilizando como período temporal os accidentes e recaídas con data de baixa no ano 2010, sendo este traballo continuación do realizado o ano anterior.