Mércores, Marzo 12, 2014
Publicado o Avance de datos de sinistralidade laboral en Galicia no 2013
O Issga vén de publicar o Avance de datos de sinistralidade laboral de Galicia do 2013, no que se recollen un conxunto de datos relativos aos accidentes de traballo rexistrados en Galicia no pasado ano.
Trátase dun avance no que se amosan datos de especial interese e que teñen carácter previo á publicación do noso anuario de sinistralidade laboral, en tanto non se estabilizan os datos, e se elabora a publicación tralo tratamento estatístico dos partes de accidentes laborais e das enfermidades profesionais, notificados á autoridade laboral de Galicia e tramitados e procesados polo Issga, como órgano técnico en prevención de riscos laborais.
UN 5,41% MENOS DE ACCIDENTES QUE EN 2012
A sinistralidade laboral en Galicia reduciuse nun 5,41% en 2013 con respecto a 2012, ao rexistrar un total de 22.377 accidentes con baixa en xornada laboral, 1.280 menos que no 2012. Deles, 21.912 foron leves, 418 graves e 47 mortais. Asemade, o índice de incidencia tamén experimentou un descenso similar ao pasar de 3.150,98 a 2.974,34.
O descenso produciuse nas provincias de Pontevedra (8,54%), A Coruña (5,54%), e Lugo (2,59%), mentres que en Ourense aumentaron un 3,12%
Así mesmo, os accidentes ‘in itinere’, os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou volver do traballo, diminuíron nun 2,22% respecto ao ano anterior.
Por sectores, o maior descenso rexistrouse na construción (26,16%), seguido da industria (4,06%).