Novas

Xoves, Decembro 29, 2011

Publicada no Observatorio Galego de Condicións de Traballo do ISSGA unha análise da sinistralidade laboral por accidentes de tráfico - Ano 2010

Publicada no Observatorio Galego de Condicións de Traballo do ISSGA unha análise da sinistralidade laboral por accidentes de tráfico - Ano 2010

Os accidentes de tráfico teñen un peso importante dentro da estatística de sinistralidade laboral; a redución nos últimos anos do número de vítimas neste tipo de accidentes non se reflicte na sinistralidade viaria laboral que segue a medrar.

Este estudo ten como obxectivo dar unha visión máis polo miúdo dos accidentes laborais acontecidos en, ou por causa dun medio de transporte terrestre, de xeito que se poidan extraer conclusións efectivas para a súa prevención e redución.

Estes accidentes laborais que non adoitan ser obxecto dunha análise específica nos datos periódicos sobre sinistralidade laboral, non só inclúen os sufridos por aqueles profesionais cuxa xornada laboral transcorre na súa totalidade ou nunha parte importante na estrada (transportistas, condutores de autobuses, comerciais, etc.) se non tamén aqueles que acontecen no traxecto normal entre o lugar de traballo e o domicilio e viceversa e que se denominan accidentes 'in itinere'.

Partindo da importancia numérica destes accidentes, e de que unha parte moi importante dos ac-cidentes ‘in itinere’ son tamén de tráfico, polo uso tan masivo que teñen os medios de transporte na sociedade actual; e tamén da súa gravidade (o número de accidentes mortais nas estatísticas da D.X.T. indican son unha das principais causas de mortalidade no conxunto do estado), é necesario cuantificar coa maior precisión posible a canto ascenden os accidentes laborais de tráfico e buscar aqueles aspectos que poidan ter maior incidencia en que acontezan, para achar as medidas preventivas máis eficaces para diminuílos.

Metodoloxía

Para a realización deste estudo, os datos obtivéronse mediante descargas do sistema Delt@ dos partes de accidente de traballo acontecidos en Galicia e con data de baixa no ano 2010 e daqueles do mesmo ano e ámbito cuxo valor na sección que se refire ao "Lugar do accidente" indica que foi un accidente de tráfico. En ambos conxuntos de datos incluíronse os accidentes en xornada laboral e os acontecidos ‘in itinere’, é dicir, os que suceden no itinerario de ida e volta ao traballo, utilizándose sobre ambos os dous conxuntos de datos unha ferramenta informática propia para o seu tratamento. Estes accidentes foron notificados segundo se establece na Orde TAS/296/2002 de 19 de novembro.