Novas

Mércores, Xullo 07, 2021

Publicación do Anuario de sinistralidade laboral en Galicia 2020

En 2020 rexistráronse en Galicia 24.962 accidentes con baixa en xornada laboral e 2.560 in itinere (os datos en avance indicaban 22.302 e 2.209). A variación interanual mostra unha diminución do 21,08% respecto ao 2019 (21,13% menos de accidentes leves, 19,56% menos de accidentes graves e 3,57% menos de accidentes mortais).

Dos accidentados en xornada laboral, 18.017 eran homes (o 72,18%) e 6.905 mulleres (o 27,82%). Con 1.435 accidentes in itinere, as mulleres teñen unha maior porcentaxe destes accidentes (o 56,05%).

A incidencia dos accidentes en Galicia foi de 2.528,52 accidentes por 100.000 traballadores, sendo a incidencia dos homes de 3.538,72 e a das mulleres 1.453,05.

Desagregando os accidentes en xornada laboral segundo a súa gravidade, 24.509 foron leves (o 98,19% do total), 399 graves (o 1,60%) e 54 mortais (o 0,22%), diminuíndo a porcentaxe de mulleres segundo aumenta a gravidade dos mesmos, correspondendo o 5,56% destes accidentes mortais (3) a mulleres. Os datos provisionais en avance indicaban 21.873 accidentes leves (o 98,07%), 377 accidentes graves (o 1,69%) e 52 accidentes mortais (o 0,23%).

Por provincias, A Coruña rexistra 10.579 accidentes (o 42,38%), Pontevedra 9.077 (o 36,36%), Lugo 2.657 (o 10,64%) e Ourense 2.649 (o 10,61%). Segundo a incidencia dos accidentes, Ourense é a provincia de maior incidencia (2.649,74), seguida de Pontevedra (2.614,53), A Coruña (2.503,90) e Lugo con 2.262,18 accidentes por 100.000 traballadores.

En canto á análise por sectores, 1.198 accidentes producíronse na agricultura (o 4,80% do total), e unha incidencia de 3.457,83, na pesca 824 (o 3,30%) e unha incidencia de 4.569,40, na industria 6.435 (o 25,78%) e unha incidencia de 4.477,80, na construción 4.075 (o 16,32%) e unha incidencia de 5.425,01 e nos servizos 12.430 accidentes (o 49,80%) e unha incidencia de 1.737,01 accidentes por 100.000 traballadores.

En 2020 rexistráronse 794 enfermidades profesionais con baixa, das cales 445 (o 56,05%) sufríronas homes e 349 (o 43,95%) mulleres. Tamén houbo 527 enfermidades profesionais sen baixa, das cales 290 (o 55,03%) sufríronas homes e 237 (o 44,97%) mulleres. A industria co 49,62% das enfermidades con baixa e o 51,42% das enfermidades sen baixa o sector de actividade con maior prevalencia.

Houbo en 2020 un total de 157 comunicacións de patoloxías non traumáticas causadas polo traballo, 102 (o 64,97%) en homes e 55 (o 35,03%) en mulleres, sendo as patoloxías do aparello locomotor co 61,78% dos casos as máis frecuentes.