Venres, Setembro 29, 2017
Promovemos a instalación de desfibriladores nos centros de traballo converténdoos en espazos cardioprotexidos
- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), sinala, no Día Mundial do Corazón, a importancia de contar con este equipo para poder dar unha resposta integral en caso de que se produza unha emerxencia cardíaca
- Os catro centros do ISSGA en Galicia contan cun desfibrilador externo semiautomático e con persoal non sanitario formado
- O Goberno galego, a través da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, promove a saúde no traballo
Santiago de Compostela, 29 de setembro do 2017. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), no Día Mundial do Corazón, recomenda a instalación de desfibriladores automáticos externos (DESA) nos centros de traballo para convertelos en espazos cardioprotexidos.
Un espazo cardioprotexido é aquel que conta nas súas instalacións cun DESA, con persoal non sanitario formado, segundo a normativa especifica de Galicia, e con sinaléctica, segundo o International Liasion Committe on Resuscitation (ILCOR) 2015, o que proporciona unha resposta integral en caso de que algunha persoa traballadora ou visitante sufra unha emerxencia cardíaca.
O Instituto, co obxectivo de mellorar as expectativas de supervivencia daquelas persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria, recomenda tamén a instalación de desfibriladores externos en dependencias administrativas, centros educativos, estacións de autobús ou ferrocarril, aeroportos, instalacións deportivas ou grandes establecementos e centros comerciais.
Os catros centros do ISSGA en Galicia contan con espazos cardioprotexidos, con DESA en lugares de fácil acceso para acadar a desfibrilación antes de que transcorra o tempo máximo recomendable desde que ocorreu o paro cardíaco. O ISSGA tamén realizou a formación do seu persoal na utilización destes equipos a través dun programa de formación básico.
As causas máis frecuentes da parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, e teñen como tratamento fundamental a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos, os desfibriladores, resultan imprescindibles para abordar con éxito as manobras de reanimación, sempre co apoio das urxencias sanitarias garantindo a continuidade asistencial.
A Xunta avoga pola promoción da saúde no traballo a través da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 e do Plan de actividades do ISSGA para o ano 2017.