Mércores, Decembro 26, 2012
Preto de 600 persoas formáronse en 35 cursos de riscos laborais no sector agrario e forestal organizados polo ISSGA
• Os 35 cursos abarcaron contidos distintos co obxecto de formar en prevención de riscos laborais aos traballadores dos sectores agrogandeiro e forestal naquelas actividades con maior implantación en Galicia
• O obxectivo dos cursos é dar ao alumnado unha formación eminentemente práctica
• Os sectores de actividade elixidos xustifícanse pola súa importancia económica e social, e tamén polas súas taxas de sinistralidade en accidentes laborais
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) desenvolveu entre os meses de novembro e decembro, un total de 35 cursos gratuítos de prevención de riscos laborais no sector agroforestal, que ofertaron unhas 570 prazas. Trátase dunha actividade formativa que se desenvolve cada ano e que terá continuidade nos próximos exercicios.
Os 35 cursos abarcan contidos distintos co obxecto de formar en prevención de riscos laborais aos traballadores dos sectores agrogandeiro e forestal naquelas actividades con maior implantación en Galicia. As distintas edicións están dedicadas ao emprego de maquinaria agrícola, da maquinaria forestal e ao manexo práctico da motoserra, ás tarefas propias das explotacións gandeiras e á actividade vitivinícola.
O obxectivo dos cursos é dar ao alumnado unha formación eminentemente práctica. Incídese especialmente no manexo correcto e seguro da maquinaria empregada nas tarefas agrarias e forestais e, en cada un deles, explícanse cales son os riscos e as medidas preventivas que se deben adoptar. Os alumnos manexan maquinaria, efectuan prácticas e tarefas de mantemento reais, de acordo coa temática do curso.
Os sectores de actividade elixidos xustifícanse pola súa importancia económica e social, e tamén polas súas taxas de sinistralidade en accidentes laborais. Ademais, existe unha grande parte da poboación que desenvolve estas tarefas no ámbito doméstico e que debe coñecer os riscos e como evitalos.
A impartición dos cursos deseñouse cunha ampla distribución territorial, xa que trata de facilitar o seu seguimento á poboación destinataria do curso. Impártense en 35 concellos distintos, das catro provincias, dentro dos concellos incluídos nos Plans de Zona Rurais que especifica o convenio que os financia. A proximidade xeográfica ao alumnado e a orientación práctica dos contidos son os factores determinantes no deseño destes cursos.
En concreto, o curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola impartiuse en Valdoviño, Oia, Xermade, Abegondo e Lobios. O curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal lixeira tivo lugar no Carballiño, Xinzo de Limia, Celanova e San Cibrao das Viñas. O curso para actividades de poda e tala desenvolveuse en Sober, Baralla e Palas de Rei.
Así mesmo, o curso de prevención de riscos laborais nas pequenas explotacións gandeiras tivo lugar en Folgoso do Courel, Meira, Begonte, Quiroga e Taboada. Ademais, o curso de prevención de riscos laborais en traballos agropecuarios impartiuse en Baleira, Pontón, Vilalba, Cospeito e O Saviñao.
Por último, o curso de prevención de riscos laborais en adegas e tarefas vitivinícolas tivo lugar na Cañiza, Pontecaldelas, Mos, Tui, Melide, Boqueixón, Vilanova de Arousa e Sanxenxo.
A difusión da convocatoria dos cursos fíxose a través daquelas entidades próximas ao colectivo de traballadores aos que está dirixido. Contouse coa colaboración dos concellos, oficinas de emprego de referencia desa zona, cooperativas agrícolas, sindicatos agrarios, comunidades de montes e empresas do sector, entre outros.
Outras actividades formativas e de sensibilización ligadas a este convenio
Estas actividades formativas son continuidade das iniciadas no mes de setembro por este Instituto, nas que preto de 300 persoas formáronse en oito cursos básicos do ISSGA de prevención de riscos laborais para actividades do agro.
Neste marco tivo lugar o pasado mes de outubro en Celeiro a xornada técnica sobre a guía para a prevención de riscos no traballo a bordo dos buques de pesca.
Entre as actividades informativas que se están a desenvolver está a difusión de material informativo dirixido a outros colectivos do sector primario, coma son as Guías de Boas Prácticas no Marisqueo a pé, manual práctica onde se indican as pautas básicas para o traballo diario para esta actividade.