Novas

Venres, Novembro 26, 2010

Preto de 300 traballadores da comarca de Ferrol recibiron este ano formación do ISSGA sobre prevención de riscos laborais

No que vai de ano, preto de 300 traballadores da comarca de Ferrol melloraron a súa formación sobre riscos laborais, mediante a súa participación nos cursos básicos de PRL desenvolvidos ao abeiro da colaboración do ISSGA co Plan Ferrol. O máis recente destes cursos será clausurado o 29 de novembro pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, e o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, nun acto que terá lugar ás 17.00 horas no CIS de Ferrol.

Esta serie de cursos celebrada ao longo do ano, titorizados por técnicos do ISSGA, habilita aos traballadores participantes para realizar as funcións de nivel básico previstas na normativa de PRL, con horas específicas de formación no sector do metal e uns contidos didácticos concebidos para dar resposta aos riscos laborais en sectores industriais tan relevantes da economía da comarca, como a construción naval.

Con esta iniciativa, o ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, contribúe á difusión da cultura da prevención e a mellorar a empregabilidade dos desempregados da comarca a través do Plan Ferrol, como unha plataforma axeitada para divulgar os criterios da saúde laboral nunha comarca cun amplo tecido industrial.

O Plan de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, coordinado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, e consensuado cos axentes sociais, ten como obxectivo paliar o efecto negativo das diferentes reconversións que o sector naval veu experimentando ao longo das tres últimas décadas.