Xoves, Febreiro 19, 2026
Preto de 300 persoas participaron na xornada técnica en formato webinar sobre consignación de maquinaria
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026. O Issga arrincou a súa oferta formativa con esta xornada técnica en formato webinar “Consignación de maquinaria. Procedemento de implantación”, organizada en colaboración con Ibermutua, na que participaron preto de 300 persoas e que foi presentada por Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Enmárcase no eixo de formación, información técnica e sensibilización do seu Plan de actuación para 2026, que ten como obxectivo dar resposta tanto á perspectiva técnica como ás demandas e as necesidades que se observan no tecido empresarial galego no eido da seguridade e saúde nos centros de traballo.
Este webinar centrouse na consignación de maquinaria e no bloqueo de enerxías perigosas, un procedemento clave para a prevención de accidentes laborais durante as tarefas de posta en marcha, mantemento, reparación ou limpeza de equipos de traballo.
Reforzáronse os conceptos fundamentais de consignación, bloqueo e etiquetado así como a identificación das diferentes fontes de enerxía e os tipos de accidentes máis habituais asociados á unha xestión incorrecta. Destacouse a importancia de establecer procedementos de traballo seguros baseados en estudos previos, na definición do alcance das actuacións, na formación e información do persoal implicado e na aplicación efectiva dun plan de acción adaptado a cada contorna laboral.
Presentáronse exemplos prácticos de dispositivos de bloqueo e ferramentas dispoñibles para a implantación dos procedementos de consignación, ofrecendo ás persoas asistentes recursos aplicables directamente nos seus centros de traballo.
En resumo, as ideas claras e potentes que queremos transmitir coa celebración desta acción formativa sobre a consignación de maquinaria son:
-
Evitar postas en marcha inesperadas: a consignación garante que a máquina non poida arrincar accidentalmente durante tarefas de mantemento ou reparación.
-
Eliminar enerxías perigosas: identificar, illar e bloquear todas as fontes de enerxía (eléctrica, mecánica, hidráulica, pneumática…).
-
Protexer o persoal técnico e de produción: asegurando que traballen nunha contorna controlada e sen exposición a movementos ou liberacións de enerxía.
-
Estandarizar procedementos seguros: a implantación dun sistema de consignación crea un método claro, repetible e verificable que evita improvisacións e erros humanos.
-
Reforzar a cultura preventiva na empresa: a súa aplicación sistemática demostra compromiso coa seguridade, mellora a coordinación entre equipos e reduce a sinistralidade.