Luns, Outubro 08, 2012
Preto de 300 persoas fórmanse en oito cursos básicos do ISSGA de prevención de riscos laborais para sectores específicos
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, entregou en Foz (Lugo) os diplomas aos participantes do curso básico de prevención de riscos laborais con módulo de maquinaria forestal lixeira.
• Estas accións terán continuidade con outros teórico-prácticos sobre seguridade no sector agrario.
Foz (Lugo).- Preto de 300 persoas formáronse en oito cursos básicos de prevención de riscos laborais para sectores de actividade concretos, organizados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e enmarcados nun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o desenvolvemento de accións formativas e informativas en seguridade e saúde laboral.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, entregou o venres en Foz (Lugo) os diplomas aos participantes do curso básico de prevención de riscos laborais con módulo de maquinaria forestal lixeira.
Quinzá-Torroja indicou que estes cursos teñen unha duración de 30 horas e conteñen cinco horas dedicadas ao módulo específico da súa prevención nun sector de actividade concreto. Neste caso centrouse en: actividade vitivinícola, en Sober e Ribadumia; maquinaria agrícola, en Fisterra e Lourenzá; maquinaria forestal lixeira, en Foz e Meira; e actividade en invernadoiros, en Tui e Melide.
Estas accións terán continuidade con outros teórico-prácticos sobre seguridade no sector agro, especialmente en actividades agrícolas e forestal.