Novas

Martes, Novembro 07, 2023

Preto de 200 persoas reciben formación sobre PEMP nunha nova xornada técnica do ISSGA

Plataforma elevadora

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023. O ISSGA continúa desenvolvendo a súa programación formativa anual coa organización deste xornada técnica en formato webinar realizada en colaboración con FREMAP, que é a décimo quinta que organiza o instituto este ano.

As PEMP (plataformas elevadoras móbiles de persoal) son máquinas móbiles destinadas a desprazar persoas ata unha posición de traballo sobre unha plataforma desde a que realizar unha tarefa. Están constituídas como mínimo por unha plataforma de traballo con controis, unha estrutura extensible e un chasis. Habitualmente o acceso e saída da plataforma só se prevé cando se atopa a nivel do chan ou sobre o chasis, non estando previstas para queo persoal traballador acceda a lugares elevados mediante o abandono da plataforma.

As PEMP úsanse de maneira habitual para levar a cabo traballos en altura de moi distinta índole, como poden ser traballos de montaxe, reparación, inspección ou similares, en todo tipo de actividades e sectores.

Unha PEMP non debe utilizarse para transporte, elevación ou carga de mercadorías, só debe utilizarse para elevar os operadores, ferramentas e materiais ata unha posición segura de traballo.

Na súa utilización están presentes distintos riscos como poden ser:

  • Caídas a distinto nivel
  • Envorcadura do equipo
  • Caída de materiais sobre persoas ou bens
  • Atrapamentos entre algunhas das partes móbiles da estrutura ou entre estas e o chasis
  • Golpes, choques do operario ou da plataforma contra obxectos fixos ou móbiles
  • Contactos eléctricos directos ou indirectos.
  • Incendio ou explosión
  • Caídas ao mesmo nivel

Ademais con frecuencia trátase de equipos alugados, polo que aos riscos propios da súa utilización se poden engadir os debidos ao descoñecemento por parte dos usuarios dalgunhas características específicas da plataforma elevadora.

A hora de escoller que PEMP utilizar, debemos ter en conta os requirimentos do traballo a realizar, as condicións do terreo e do lugar de traballo así como as características particulares dos distintos modelos de máquina. Así teremos en conta o diagrama de traballo, o que nos dará información sobre a súa altura de traballo, o alcance lateral e a posibilidade de salvar obstáculos. Tamén temos que coñecer o seu sistema de alimentación (diésel, gasolina, eléctrico ...) así como de tracción.

Un operador de PEMP debe ter unha formación teórica e práctica en materia preventiva e ademais unha formación específica para a condución segura da plataforma.

Para que o uso destes equipos de elevación de persoal sexa seguro, debemos facer unha xestión axeitada da súa utilización.

Nesta xornada abordarase esta problemática e para elo trataranse aspectos como:

  • A normativa técnica aplicable
  • As condicións de seguridade asociadas ao emprego de plataformas elevadoras móbiles de persoas
  • A formación de operadores
  • O mantemento, revisión e inspección
  • A utilización de cestas acopladas a equipos de elevación de cargas