Xoves, Marzo 15, 2012
Preto de 200 persoas participaron en dúas xornadas técnicas de formación sobre accidentes laborais non traumáticos
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe a xornada celebrada en Rande (Pontevedra), que se suma á de onte, que tivo lugar na Coruña.
O obxectivo desta xornada é dar a coñecer as estatísticas, aclarar os conceptos legais, mostrar cales son os factores de risco cardiovascular modificables e como se poden corrixir .
Rande (Pontevedra), 15 de marzo de 2012.- Preto de 200 persoas participaron en dúas xornadas sobre accidentes de traballo non traumáticos, organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dentro da súa oferta formativa para 2012. As xornadas tiveron lugar onte na Coruña e hoxe en Rande (Pontevedra).
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe a xornada de Rande (Pontevedra). O obxectivo e finalidade desta xornada é, dunha banda, dar a coñecer as estatísticas e aclarar os conceptos legais e a xurisprudencia sobre este tipo de accidentes e, doutra, mostrar cales son os factores de risco cardiovascular modificables, ver como actúan e como se poden corrixir a través do cambio de hábitos.
Na súa intervención, Adela Quinzá-Torroja lembrou que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte na poboación española e por primeira vez en 2010 tamén o foron por accidente de traballo en xornada laboral.
Así indicou que a prevención das devanditas enfermidades “é fundamental” e para iso hai que coñecer cales son os seus factores de risco e como corrixilos. O cambio de hábitos comprobouse que pode chegar a reducir máis dun 30% a probabilidade de que se produza unha destas enfermidades.
A análise das repercusións da adopción de bos hábitos no ámbito laboral tanto para o traballador coma para o empresario, permitirá “culminar coa creación das empresas saudables”, segundo indicou Quinzá-Torroja, que considerou que as empresas han de adecuar as súas estruturas e optimizar os seus recursos ás novas esixencias socioeconómicas.
“A partir de aquí, uns dos obxectivos ten que ser o benestar dos seus traballadores e traballar de forma conxunta para buscar o máximo beneficio común, que é o que dará á empresa diferenciación, competitividade e produtividade”, rematou a directora do ISSGA.