Venres, Maio 12, 2017
Presentamos o manual de boas prácticas en prevención de riscos laborais en laboratorios na Universidade de Vigo
- Esta xornada únese as xa realizadas no mes de marzo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña
Vigo, 12 de maio de 2017.- Hoxe tivo lugar no Edificio de Ciencias Experimentais do Campus Universitario de Vigo a xornada técnica “Prevención de riscos nos laboratorios. Manual de seguridade do Issga”.
O obxecto desta acción formativa, á que asistiron case un centenar de persoas, e que se une ás xa realizadas no mes de marzo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, é dar a coñecer á comunidade universitaria e ao público interesado o manual elaborado polo Issga sobre boas prácticas en prevención de riscos laborais nos laboratorios e as principais medidas preventivas a contemplar neles, así como expoñer aspectos organizativos que son de moita importancia en laboratorios de investigación, tanto para responsables de laboratorios e de proxectos de investigación, como investigadores, técnicos, profesores ou estudantes de prácticas da Universidade.
O Issga ven desenvolvendo nos últimos anos accións de prevención de riscos laborais en laboratorios, coa realización de material divulgativo que é necesario achegar ao persoal traballador co obxecto de sensibilizar e fomentar metodoloxías de traballo seguras.
Lucía Ferrón Vidán, xefa da sección de Hixiene Industrial do Issga e autora do manual, presentou este documento técnico no que se proporciona a información básica para desenvolver o traballo de laboratorio en condicións seguras, consonte a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais. Ademais de facer alusión aos principais perigos e riscos, inclúense normas de conduta e traballo e protocolos de actuación en caso de accidente. Considéranse fundamentalmente os riscos producidos nun laboratorio onde exista exposición a axentes químicos.
Tamén cómpre destacar a presentación dunha nova versión deste manual en inglés, que se suma ás xa existentes en galego e castelán, todas elas dispoñibles en versión dixital a través da web do Issga, issga.xunta.gal.
Boas prácticas en prevención de riscos laborais. Manual de seguridade no laboratorio
A guía vai dirixida a todos os laboratorios de investigación, docencia, análise, de control de calidade ou síntese de produtos, entre outros, tanto no ámbito público como no privado. Neste último eido, o empresario, como responsable da seguridade e da saúde dos seus traballadores, deberá designar unha persoa encargada (normalmente o director/responsable do laboratorio) de engadir a información específica para cada laboratorio.
Naqueles laboratorios nos que se manipulan materiais radiactivos, o control da exposición dos traballadores a estes produtos é competencia do Consello de Seguridade Nuclear, que o fai mediante os servizos e unidades técnicas de protección radiolóxica.
A elaboración deste documento forma parte do eixo de formación, difusión e sensibilización do Plan de Actividades do ISSGA e se encadra no acordo marco de colaboración que o Instituto e as tres universidades manteñen para o desenvolvemento de actividades de formación, investigación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde laboral.
Colaboración coas universidades galegas
Esta xornada técnica tivo lugar en colaboración coas tres universidades galegas, coa Universidade da Coruña no Campus da Coruña o 23 de marzo, coa Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo o 30 de marzo e finalmente, hoxe, no Campus Universitario de Vigo.
Entre as funcións propias do Issga está a de colaborar coas universidades para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.
Deste xeito, o Issga apoia e colabora cos organismos competentes para a integración da educación en saúde laboral e prevención de riscos no ámbito escolar e prelaboral. Asemade, xestiona as aulas de formación que se creen para dar resposta práctica á prevención de riscos específicos e que estarán abertas a estudantes.
A realización de xornadas técnicas nas facultades e escolas universitarias, promovidas polo Issga como é o caso da xornada de hoxe, ou por petición delas, sobre temas relacionados coa seguridade e saúde laboral, é unha das actuacións de colaboración e asesoramento técnico que e o Issga desenvolve, en virtude desta colaboración coas universidades galegas, entre as que tamén cómpre destacar estas outras:
-
Realización de relatorios polo persoal técnico do Instituto nas facultades e escolas universitarias, co fin de facilitar información e documentación sobre prevención de riscos laborais ao estudantado e profesorado.
-
Realización de visitas do alumnado universitario aos centros territoriais do Instituto, co fin de coñecer o seu funcionamento nas distintas especialidades preventiva.
-
Colaboración no eido da investigación sobre a seguridade e saúde no traballo, así como en actuacións tendentes á redución da sinistralidade laboral en Galicia.
-
Colaboración no desenvolvemento de actividades académicas, científicas ou doutra índole en materia de prevención de riscos laborais.
-
Cooperación na divulgación e difusión da cultura preventiva, así como nas accións de formación derivadas daquelas.
-
Realización de accións de concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais.
-
Promover a incorporación da materia de prevención de riscos laborais, como materia de carácter transversal, naqueles graos universitarios cuxos profesionais asumen, pola natureza do grao, competencias propias en materia de prevención de riscos laborais.
Outra actuación que cómpre ter en conta consiste na formación práctica do alumnado dos mestrados en Prevención de Riscos Laborais, a través dos convenios de cooperación educativa asinados cas tres universidades galegas.