Novas

Mércores, Decembro 13, 2017

Presentamos na Coruña a campaña de mellora da calidade da información dos partes de accidentes de traballo

A Coruña, 13 de decembro de 2017.- Esta tarde tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Graduados Sociais de A Coruña e Ourense a presentación da campaña de mellora da calidade da información dos partes de accidentes de traballo, que se realizará en colaboración coa Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, de Lugo e de Pontevedra.

Colaboración

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ten a condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de PRL que se deseñan, co consenso dos interlocutores sociais, pola Xunta de Galicia. Entre as súas funcións está a tramitación telemática dos partes de accidentes de traballo, a través do sistema Delt@. Esta función nace da obriga que teñen as empresas de notificar á autoridade laboral de Galicia os partes de accidentes de traballo nos supostos que se orixine un dano que teña a consideración de accidente laboral.

A condición de asesores laborais do colectivo de graduados sociais representados en Galicia polos tres colexios oficiais, que acollen aos colexiados das catro provincias, é moi importante por ser en moitas ocasións quen asesora ás empresas na cobertura dos partes de accidentes, podendo facer un efecto dominó sobre a mellora da calidade da información.

Debe recordarse que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 incide na importancia de adoptar as políticas de prevención de riscos laborais en base a unha realidade certa e que de resposta ás verdadeiras necesidades.

Neste contexto, a Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo no 2017 tivo como lema do 28 de abril “OPTIMIZAR LA COMPILACIÓN Y EL USO DE LOS DATOS SOBRE SST”.

Campaña

A campaña consiste en poñer en común o coñecemento da problemática dos partes de accidente por parte dos graduados sociais e por parte do ISSGA, na busca de mellorar os puntos críticos.

Para isto, traballouse conxuntamente na elaboración dun tríptico e dun cartel, nos que se recollen os puntos de especial interese para a mellora da calidade da información dos partes de accidente de traballo.

O cartel ten como destinatarios as propias asesorías dos graduados sociais que traballan a acotío neste tema. Os trípticos teñen un dobre destinatario: por unha parte o propio colectivo de graduados sociais, e pola outra as empresas ás que asesoran.

A distribución correrá a cargo dos tres colexios, tanto aos seus colexiados como ás empresas clientes. En total e en función do número de colexiados e empresas, distribuiranse en Galicia 14.500 trípticos e 1.000 carteis.

O obxectivo da campaña é incrementar o máis posible a mellora da información que debe figurar nos distintos campos do parte de accidente de traballo, para conseguir que sexa real, veraz e o máis comprensible posible.

Cando sucede un accidente é un momento moitas veces crítico, onde se xeran unha serie de obrigas como é a cobertura do parte, que os campos que figuran no documento oficial poden inducir a erro ou a distintas interpretacións, que son acotados, polo que é preciso incidir en que sobre todo os erros máis frecuentes sexan abordados polos actores implicados nesta tramitación, e buscar instrumentos como son estes trípticos e estes carteis, nos que dunha forma sinxela se busca dar solución ás principais incidencias detectadas.

Cómpre ter en conta a relevancia da información nos partes de accidente.

  • Con carácter individual para que a persoa traballadora se sinta protexida ante o suceso que lle ocorreu, ante o cal a normativa en vigor lle concede uns dereitos. Así mesmo que a empresa teña cubertas as súas obrigas neste eido.
  • De xeito colectivo, porque do tratamento destes datos se obtén a información estatística da sinistralidade laboral.
  • Porque estes datos sobre os partes de accidentes é un dos indicadores de maior relevancia para deseñar políticas preventivas, para amosar a tendencia e o comportamento da sinistralidade laboral, e para o máis importante que é a posta en marcha de plans de redución da sinistralidade e para a mellora da xestión da prevención de riscos laborais no tecido empresarial galego.

A tramitación dos partes de accidentes de traballo realízase polo ISSGA: recepción do parte, verificación da súa exactitude, requirimento de emenda e de ser o caso rexeite.

Os apartados con maior inexactitudes, con máis erros ou con maior incoherencia con outros, son os que figuran no tríptico e no cartel: lugar do accidente, tipo de accidente (“en misión” e “in itinere”), peculiaridades se é un accidente no estranxeiro ou a bordo dun buque no mar, etc. Tamén son importantes a coincidencia de horas e datos coa demais documentación que se xere ademais do parte, que sexa entendible a descrición do accidente e coherente cos danos e lesións producidas e os axentes causantes, así como a identificación do axente material.

Documentación